Unha nova agresión ao patrimonio, neste caso nun miliario datado contra o século II dC. coñecido como o Miliario de Santiaguiño. Así o fixo público a Asociación Cultural Alén Nós quen xa presentou a correspondente denuncia na Policía Local. Apuntan dende a asociación que os danos orixinados neste elemento poderían ter sido causados por maquinaria agrícola pesada, previsiblemente un tractor, xa que nas inmediacións da zona estanse realizando traballos de tala de piñeiros.
O miliario de Santiaguiño, posiblemente levantado durante o mandato do emperador Traxano, formaba parte da antiga Vía XIX que unía as localidades de Braga e Astorga pasando por Lugo. A súa forma fálica foi interpretada como un obxecto de superstición no cal as mulleres procuraban a fertilidade. Hoxe en día o miliario establece os lindes entre os concellos de Mos e Redondela. Un miliario que a Concellería de Cultura recolle dentro dos lugares de interese do municipio salientando que se trata dun “elemento patrimonial tan antigo e de tanto valor que da a benvida aos peregrinos que van camiño de Santiago de Compostela”.