Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pilar Martínez será a número dous da candidatura socialista que lidera Digna Rivas

pilar

A fundadora da ONG DaMan e médico pediatra xubilada regresa así á política local da que participou activamente no pasado. Martínez xa formara parte da candidatura socialista nos tempos de Xaime Rei chegando a exercer o cargo de Concelleira de Sanidade e Medio Ambiente. A alcaldesa e candidata do PSOE, Digna Rivas salienta o feito de que “por primeira vez na historia serán dúas mulleres as que encabecen a lista electoral”.

“O traballo de Pilar Martínez en Da Man e a súa historia de vida vai ser enriquecedor para a unha equipa de goberno que volverá gobernar Redondela” afirmou Digna Rivas tras facer público quen será a súa número dous nunha candidatura que aínda non se coñece na súa totalidade.

Pola súa banda Martinez afirmou que “o que queremos é gobernar para frear á dereita e dende aquí anuncio que gobernará a esquerda”. Con esta declaración de intencións anunciou que “as mulleres somos capaces de todo. Digna Rivas e máis eu coñecémonos da mesma loita en Redondela e xuntas non sumamos, xuntas multiplicamos”.

Pilar Martínez naceu en 1954 e leva dende os 20 anos vivindo en Redondela. Aquí formou a súa familia e asentou a súa vida profesional. Médica pediatra de profesión, malia que xa xubilada, a súa vida está moi vinculada ao movemento solidario, colaborando activamente co Pobo Saharaui e fundando posteriormente a ONG Damán.

Esta non é a primeira vez que se presenta nas listas electorais do municipio, chegando a ser Concelleira de Sanidade e Medio Ambiente no ano 1999. Asegura “volver con forza e novas ideas para dedicarse á xente e devolver a Redondela todo o que fixo por ela”. Sinala que “un dos puntos máis importantes polos que levo loitando toda a vida é a Sanidade Pública e a importancia de concienciar á xente do perigo da súa privatización”.

Considera que depois de seguir o traballo feito pola equipa de Digna Rivas e ver que “si se pode conseguir avanzar e que as cousas melloren”, quixo unirse “para multiplicar forzas, colaborar e aportar o que ela sabe, o seu tempo e a súa ilusión”.

Pola súa banda, Digna Rivas considera que o traballo de Pilar Martínez en Da Man e a súa historia de vida vai ser enriquecedor para a equipa de goberno e ten claro que “imos volver gobernar máis reforzados e con máis forza”. Afirma que Martínez ten todos os requisitos para facer un bo traballo no Concello de Redondela, porque “é constante, traballadora e de esquerdas desde que ten memoria”. Remata dándolle as grazas “por confiar en min e neste proxecto para os próximos 4 anos. É unha honra tela ao meu carón, porque sei que é o que necesita Redondela”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará