Jessica Rodríguez xunto a Digna Rivas e a responsable das bibliotecas Mª Elena Becerra
Nenos e nenas de infantil e primaria dos centros educativos do Concello amosan as súas habilidades na escritura nunha feira de dinamización da lingua galega e a escritura que se desenvolve este mércores e xoves na Alameda Castelao. Detrás desta idea está a profesora do Colexio de Cedeira, Jessica Rodríguez, e o propio centro educativo que foi o encargado de coordinar ao resto dos colexios para facer realidade unha iniciativa que busca “ofrecer á rapazada unha experiencia diferente, dúas xornadas de convivencia que lles serven para amosar un traballo que habitualmente non sae das aulas”.
Dende primeira hora da mañá de hoxe a animación na Alameda era patente. Nenos e nenas chegados dende as diferentes parroquias e de todas as idades, reuníanse nas diferentes casetas e procedían a compartir cos compañeiros eses textos da súa autoría: contos, historias, poemas, teatro… que foron elaborando nas clases ao longo das últimas semanas e meses.
Jessica Rodríguez amosaba a súa satisfacción sobre o desenvolvemento da primeira xornada celebrada este mércores “cunha alameda ateigada de xente, tanto veciños e veciñas da vila como familiares da rapazada” que aproveitaron o bo tempo para compartir a mañá cos máis pequenos. Ente eles moitas emocións pero tamén nervios ante un evento diferente que supón “recuperar a convivencia e compartir”.
Unha experiencia que se repetirá mañá xoves en horario de dez da mañá a doce do mediodía e que nace con intención de continuidade. Confía Rodríguez en que haxa unha segunda edición deste “espallar tinta” que se celebraba hoxe por primeira vez.
Unha actividade coa que colaborou o Concello encargándose da colocación dos stands así como da contratación dos autobuses que trasladan aos nenos ao centro da vila. A Biblioteca foi a encargada de achegar a animación musical a cargo de Ce Orquestra Pantasma.
Neste sentido a Alcaldesa, Digna Rivas aplaudía a actividade pola importancia de “crear espazos ao aire libre e abertos ao público nos que nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”.