Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela gastou preto de 300.000 euros nas celebracións do Nadal

nadal 2023

Iluminación, concertos, obradoiros, cabalgata… actividades que se desenvolveron durante o pasado Nadal e cuxa organización supuxo un investimento de case 300.000 euros. Un gasto que os grupos da oposición recriminaron ao goberno local por entender que se tratou dun investimento excesivo e que “duplicou o gasto de anos anteriores”. Especialmente crítico foi o voceiro do BNG, malia que tamén AER e PP criticaron o “elevado gasto” mentres que a voceira do PSOE explicaba que a metade do investimento destinouse a pagar as luces “que este ano se viu incrementado notablemente pola actualización do contrato á empresa encargada da iluminación”.

O tema saía a colación no pleno ordinario celebrado este xoves no marco do debate en torno ao recoñecemento extraxudicial de créditos, punto no que se abordaba a idoneidade de aprobar facturas procedentes de exercicios anteriores.

Entre ditas facturas atopábanse tamén investimentos nas festas do Nadal, onde se gastaron, explicaba o voceiro do BNG, Xoán Carlos González preto de 300.000 euros. Unha cantidade que supuxo “duplicar o gasto en relación co Nadal de anos anteriores”. Engadía que “non podemos pretender que Redondela sexa Vigo, hai gastos que se deben conter, os fondos son limitados e hai que saber xestionar”. Concluía afirmando que “un gasto de 300.000 euros no Nadal nun concello de 30.000 habitantes é excesivo”.

Xoán Carlos González, BNG

Aer apuntaba tamén que se trata de investimentos que exceden o que se debería gastar nesas datas e dende o PP enumeraban máis polo miudo algunas das partidas realizadas “3.000 euros para o aluguer do boneco de Cascanoces que adornaba a praza do Concello e 144.000 euros na iluminación ou o gasto de seis mil euros no camioncito de Santa Claus” en palabras do popular Iván Crespo.

Iván Crespo, PP

O PSOE xustificaba os gastos alegando o gran número de actividades que se programaron e, sobre todo, que a metade deses gastos foron para as luces que se viron incrementadas notablemente pola revisión de prezos que fixo a empresa que as coloca “revisión de prezos que non se facía dende o 2016”. Aclaraba tamén María Castro que o Cascanoces foi unha petición da propia asociación de empresarios “co obxecto de unificar temáticas co comercio local”.

María Castro, PSOE

Asumía que o gasto foi elevado pero apuntaba que o obxectivo foi facer “unha programación con actividades de balde para todo o mundo que permitirán a veciños e veciñas gozar do Nadal”.

Concluía o BNG asegurando que non cuestionan que “sexa necesario ambientar o Nadal para dinamizar o Nadal” pero que é necesario “cuantificar ben os investimentos dos fondos públicos e dicirlle a cidadanía canto se gasta e en que”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará