A candidata do PSOE elixiou a Praza de Ponteareas para presentar a equipa que a vai acompañar ás próximas eleccións municipais do 28M baixo o lema “Avanzamos contigo”. Unha lista renovada coa incorporación de caras novas nos postos de saída como a médico pediatra Pilar Martínez no posto número dous, Antonio Cabaleiro no número tres, Mª Rita Pérez Táboas no catro e Pedro Villaverde no número cinco. Repiten os actuais concelleiros María Castro (6), Iria Vilaboa (8) e Alberto Álvarez (9). A outra novidade é a do adestrador de fútbol base Iván Valles, situado no posto número sete.
Unha candidatura á que a actual alcaldesa se referiu como “unha equipa de homes e mulleres comprometidos coa veciñanza, persoas dispostas a traballar arreo para mellorar Redondela. Xente nova, comprometida a nivel deportivo, social, cultural e veciñal. Homes e mulleres dispostos a mellorar, co seu esforzo o nivel de benestar da veciñanza sen mirar a cor política”.
Así, logo de dar a coñecer semanas atrás que a presidenta da ONG e pediatra xa retirada Pilar Martínez será a súa número dous nesta candidatura, hoxe Rivas deu a coñecer o resto dos nomes que a van acompañar co obxectivo de manter a aclaldía de Redondela. No posto número tres sitúase Antonio Cabaleiro Covelo, veciño de Chapela de 32 anos de idade, fillo do que fora músico de Treixadura e concelleiro do PSOE entre os anos 2011 e 2015, Antón Cabaleiro.
Tamén se incorpora a esta lista a Secretaria de Organización do Partido Socialista de Redondela e actual secretaria da alcaldía, Rita Pérez Táboas situada no número catro, mentres que o número cinco o ocupa un extraballador municipal e veciño de Quintela, Pedro Villaverde Campos.
No número seis atopamos a actual concelleira de Economía e Facenda, María Castro seguida por outra das incorporacións, Iván Valles, veciño de Redondela, vinculado ao deporte e concretamente ás categorías base do fútbol, tanto no Casa Paco 81 como no CD Choco.
Nos postos oito e nove atopamos a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e ao actual responsable de Medio Ambiente, Alberto Álvarez. Pecha este primeiro tramo da lista a veciña de Reboreda Rocío Lorenzo Alonso.
Rivas apoiouse nos poxectos realizados nos últimos 4 anos para defender a súa candidatura, destacando “a recuperación de espazos infravalorados para o esparexemento da cidadanía como é o caso da Senda Verde (convertido nun dos lugares de ocio por excelencia do municipio) ou a humanización e reforma da Av. de Santa Mariña ou a propia Praza de Ponteareas onde se desenvoveu o acto “convertida nun lugar de convivencia cidadá e anuncia, as persoas que nos visitan, que están nun concello en pleno desenvolvemento social, económico, político e cultural”.
“Como dixen hai catro anos, cando soñabamos con cambiar o rumbo, ou mellor dito, a falta de rumbo dun Concello apático e partidista–, as e os socialistas non prometemos nada nas campañas electorais, nos comprometemos que é ben distinto”, concluía Rivas.