A confraría recibía esta semana a primeira remesa de semente de ameixa financiada polo goberno local para apoiar ao sector do marisqueo tras as perdas derivadas da mala climatoloxía do pasado inverno. O investimento municipal ascende até os 15.000 euros, co que a Confraría puido adquirir case 800kg de semente, máis de 900.0000 unidades.
A medida pretende axudar ao sector marisqueiro tras uns meses nos que as taxas de mortalidade dos moluscos disparáronse polas choivas e o seu impacto na salinidade da auga. Con esta axuda, espérase que a Confraría poida facer fronte á nova campaña de sementado de ameixa nos bancos marisqueiros de Arcade e poida recobrar a normalidade tras uns anos problemáticos debido á inestabilidade meteorolóxica.
O alcalde, Agustín Reguera salientou que esta non é a primeira vez que o goberno local axuda á confraría neste sentido, a última vez en 2021 cunha achega de 30.000 euros.” En Arcade e Soutomaior viven do marisqueo, directa e indirectamente, máis de 200 familias. É un sector fundamental para a nosa economía e terán a nosa axuda sempre que a necesiten”.
O pedido recibido plantarase leste mesmo fin de semana e dividirase ao 50% entre as zonas dedicadas ao marisqueo a pé e as utilizadas para o marisqueo á flote. Todas as unidades de semente teñen un calibre medio de entre 15 e 18 milímetros.A adquisición da semente de ameixa financiouse exclusivamente con fondos propios do Concello de Soutomaior.