A actividade, coordinada dende a Concellería de Muller e igualdade impartirase os días 19 e 20 nos baixos da oficina de turismo e os días 26 e 27 no Multiúsos do Piñeiral. En ambos os dous casos o horario será de 16:00 a 21:00 horas na sesión do venres e de 9:00 a 14 horas na sesión do sábado.
As persoas participantes recibirán dez horas de formación co obxectivo de sensibilizar no valor da igualdade como eixo para o desenvolvemento social e promover que profesionais de diferentes ámbitos incorporen a perspectiva de xénero no exercicio das súas actividades laborais.
Así, no curso abordaranse cuestións tales como os conceptos básicos ao redor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, as accións a desenvolver para promover a igualdade e a situación socioeconómica das mulleres no noso país. Haberá un apartado centrado na comunicación non sexista así como referencias explícitas á violencia de xénero.
Orientado a persoas maiores de idade, preferentemente empadroadas no Concello de Redondela, compre inscrición previa como data límite o 18 de maio nos rexistros do Concello.