Os socios do CD Choco elixen este venres ao novo presidente ou presidenta en substitución de Iván crespo que abandona o cargo tras dez anos ao fronte da directiva. Os candidatos finais son Virginia Ricón e Fernando M. Crespo.
O proceso electoral no CD Choco está vivindo semanas complexas nas que se viron obrigados a celebrar tres asembleas extraordinarias. Á primeira chegou unha única candidatura que non saíu aprobada porque dous socios do club presentaron unha impugnación que foi admitida a trámite e saíu adiante. Como consecuencia, abriuse un novo prazo de presentación de candidaturas que quedou deserto ata a celebración da derradeira Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada na tarde do luns 15 de maio, onde se procedeu a resolver a convocatoria e déronse dúas candidaturas válidas.
Iván Crespo anunciara fai máis dun ano que deixaba o club e non se presentou ás eleccións realizadas. O técnico dirixiu o equipo de fútbol redondelán desde 2012 co que conseguiu, entre outros logros, o ascenso a terceira división nacional e o ascenso á liga Nacional Xuvenil. Unha década despois o club enfróntase a unha mala racha marcada polo descenso a rexional e a disolución da directiva.
Os socios do club poderán exercer o seu dereito a voto o venres 19 de maio nas oficinas da administración en horario de mañá de 11:30h a 13:30h e en horario de tarde de 17:00h a 21:00h. Para poder votar as persoas interesadas deberán acreditarse co Carné de Socio do Club e o DNI.