O Tenente de Alcalde asegura que se viu na obriga de expulsar do pleno a Alberto Pazos ante o reiterado incumprimento das tres chamadas á orde que lle fixo.
O concelleiro popular, Alberto Pazos, abandonaba a sesión plenaria de onte acompañado dun axente da Policía Local despois de que fora expulsado polo presidente da sesión, Carlos Pazos. A expulsión producíase despois de que o edil popular presentara unha cuestión de orde, relacionada cunhas imaxes publicadas por un medio de comunicación, que foi desestimada polo presidente do pleno, por non ser de interese na orde do día, o que provocou as protestas do edil popular. O nacionalista afirma que ante o caso omiso que fixo Alberto Pazos ás reiteradas advertencias de que mantivera as formas tivo que expulsalo da sala. Despois duns minutos Pazos Couñago abandonaba a sala acompañado por un axente da Policía Local pero sen o resto dos membros do partido, que segundo a voceira do grupo, Francisca Canal, decidiron quedarse para “dar caña ao goberno”. O concelleiro popular acusou ao Tenente de Alcalde de “prevaricar” e retouno a que dixera cal era a causa de orde que ía plantexar e por que non lle permitiu terminar a súa exposicións. O edil afirmou que a actitude de Carlos Pazos non é propia dun Estado Democrático e que non é a primeira vez que o goberno non deixa intervir nin aos populares nin aos veciños no pleno. Pola súa banda o Tenente de Alcalde acusa ao PP de acudir aos pleno a crear polémica e bronca, que reflicten, segundo o nacionalista, o conflicto existente no seo do Partido Popular por definir quen é o voceiro do grupo. Carlos Pazos fai un chamamento aos membros da corporación municipal para que respecten as formas e para que entendan as sesións plenarias como un lugar onde debater sen crear conflicto e mantendo o respecto.