O secretario xeral provincial dos socialistas, David Regades, afirmou que o seu partido facilitará “gobernos de progreso nos municipios onde sexa posible” pero engadiu que hai unhas liñas vermellas que pasan porque se respecten aos cabezas de lista e non se vete aos seus candidatos. Declaracións que se producen en medio dunhas complexas negociacións entre os grupos de esquerda en Redondela para formar un goberno alternativo ao PP e logo de que AER condicionara precisamente o seu apoio a un goberno progresista a que Digna Rivas non fose alcaldesa.
O PSOE de Redondela mantén as súas esperanzas de chegar a un acordo que permita reeditar un goberno de esquerdas. Así o afirmaba a alcaldesa en funcións, Digna Rivas quen asegurou que logo de que a cidadanía así o deixara claro nas urnas, a súa intención era “sentarse e traballar para negociar un programa afastado de personalismos onde se primen os intereses de Redondela”.
Con todo, as negociacións perfílanse moi complicadas unha vez que AER, formación que ten a chave de goberno, reiterase a súa intención de non apoiar un goberno liderado por Rivas e tras reclamar que se apartase e deixara paso a outro candidato “sérvenos calquera outro concelleiro ou concelleira que non sexa do PP e que non sexa Digna Rivas” en palabras de Cuni Orge.
Unhas declaracións que xa recibiron resposta por parte da dirección provincial do PSOE. O seu secretario xeral, David Regades afirmou que “os candidatos do Partido Socialista non se cambian. Non pode cambiarse ao candidato ou candidata nunha mesa de negociación porque sería a antidemocracia”.
En todo caso, o PSOE provincial amosou a súa disposición a facilitar “gobernos de progreso” nos municipios onde sexa posible polo que a investidura de Manu Lourenzo, candidato do BNG en Soutomaior estaría asegurada e tamén estaría máis próxima a de Luciano Otero de Alternativa Veciñal por Pazos de Borbén quen precisa do edil tanto do BNG como do PSOE nesa localidades para acceder ao bastón de mando.
Mentres en Redondela as negociacións deberán continuar entre as formacións de esquerda de cara a formar un goberno alternativo ao do popular Javier Bas, forza máis votada pero que con 10 concelleiros non foi quen de facerse coa maioría absoluta.