Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG descarta que o seu candidato encabece unha alternativa á alcaldía

bng

O candidato nacionalista, Xoán Carlos González non se formulou encabezar ningunha alternativa para asumir a alcaldía a Redondela por entender que esta opción “sería unha fraude electoral e unha deslealdade cos votantes”. Responden así ás declaracións de AER onde a Agrupación de Electores apuntaba a esta posibilidade de cara a formar un goberno de esquerdas que non estivera encabezado por Digna Rivas. Critican tamén os nacionalistas que “outra organización política se tome a liberdade de falar en nome do BNG”.       

As complicadas negociacións en Redondela de cara a formar goberno levan a todos os partidos a marcar posicións. Así, logo de que a Agrupación de Electores insinuara a súa disponibilidade a apoiar un goberno de esquerdas no que se postulase como alcalde ao cabeza de lista do BNG, o seu candidato xa descartou esta idea argumentando que se trataría dunha “fraude electoral en toda regra”.

Entenden tamén os nacionalistas que o panorama político no recentemente electo pleno municipal está evidentemente enrarecido “por motivos máis persoais e de loita de egos que por cuestións ideolóxicas e/ou políticas”, polo que non pode ser o BNG quen solucione os problemas doutras organizacións políticas. Neste sentido engaden que “o Bloque pode cuestionar formulacións políticas, programas, ideas, pero non entra no enfrontamento persoal nin no espectáculo polo espectáculo, porque entendemos que a política é unha cousa moi seria e que afecta a moitas persoas, non é un xogo nin un entretemento, e moito menos unha frivolidade”.

Trasladan tamén unha mensaxe de tranquilidade a todos os votantes e simpatizantes do seu partido “tomamos a nosa responsabilidade moi en serio, e tentaremos, como non pode ser doutra forma, que Redondela teña durante os próximos catro anos un goberno estable e de progreso. Porén, somos conscientes da forza con que nos dotou o electorado, e entendemos que debemos estar en disposición de dialogar con todos os axentes políticos, porque o diálogo é a única vía para a estabilidade e o progreso”.

Os nacionalistas quixeron tamén agradecer o apoio electoral recibido o pasado 28M que lles permitiu “duplicar a porcentaxe de apoio electoral en comparación co anterior proceso municipal (dun 8.2% a un 16.12%), e subir no cómputo xeral en máis de 1200 votos”. Observando os resultados por parroquias, “incrementamos o noso apoio en practicamente todas elas”. En definitiva, “os resultados electorais podemos consideralos bos sen ningún tipo de matiz, por moito que, por suposto, nos gustaría que fosen aínda mellores”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará