O artigo Un maínzo de sal, da autoría da escritora Míriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) resultou gañador da sexta edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes para textos de denuncia social. O xurado destacou a calidade dos textos presentados nesta convocatoria do certame. A peza de Ferradáns iníciase cun episodio protagonizado por un neno chamado Raúl para se adentrar no tema da pobreza infantil, eixo central do texto gañador do premio.
O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e Carme Carreiro, que actuou como secretaria, destacou a “calidade da lingua” do artigo e tamén a temática abordada que, “desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza”. “O texto achéganos a un tema moi duro como é a pobreza infantil desde a primeira persoa, desde un dos protagonistas, que non só non ten cubertas as necesidades básicas senón que sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras”, apuntan.
As e os integrantes do xurado destacan tamén que o artigo nos aproxima a “unha inxustiza que afecta a infancia” e que ten unha importante presenza na nosa sociedade. “Moitas veces as persoas pensan que a pobreza infantil é doutros territorios mais, como nos relata o artigo de Míriam Ferradáns, está á nosa beira”, sinalan, ao tempo que destacan o “interese da combinación entre a historia persoal do protagonista e os datos” que falan da alarmante cifra de crianzas que padece pobreza alimentaria.
O premio será entregado en Fornelos de Montes nun acto que se desenvolverá no decurso da Semana Cultural de agosto.