A mostra, que logo de pasar pola Alameda de Redondela se podía visitar no paseo de Cardona na parroquia de Chapela foi estragada durante a madrugada por uns descoñecidos quen deixaron boa parte dos cubos que a conforman completamente esnaquizados. Así o denuncian dende a Agrupación de Electores de Redondela quen condena “enerxicamente este actos” e engaden que “non se poden tolerar que accións vandálicas como estas estraguen elementos públicos símbolo de respecto á historia como é esta expo ou o monumento aos asasinados no Alto de Concheira”, en referencia aos reiterados ataques sufridos por esta escultura.
A exposición Conquistadoras está conformada por diferentes cubos nos que se recollen, en cada unha das súas caras, o nome e a historia de moitas mulleres que, dende o seus ámbitos de vida persoal e profesional, foron quen “de conquistar o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso de ninguén”. Mulleres como María Pita, Rosalía de Castro, Ernestina Otero ou María Araújo, forman parte desta mostra, do mesmo que algúns dos estragados como Xela Arias, Sesé Mateo, Tanxugueiras, Concepción Arenal ou a Bela Otero. Nalgúns casos os paneis están completamente arrancados o que deixa os cubos ilexibles e noutro foron rasgadas as lonas cun elemento cortante.
O ataque será agora investigado pola Policía. Faise un chamamento a calquera que poida ter información sobre o sucedido que se poña en contacto con este servizo.