A candidata do BNG por Pontevedra Carme Da Silva e o alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo reclaman a realización desta obra así como a humanización da N-550 en Soutomaior
Os nacionalistas destacan a necesidade de que se melloren moitas das infraestruturas viarias estatais na provincia por ser inseguras e non seguir un modelo axeitado cando discorren por núcleos urbanos como é o caso de Soutomaior. No caso concreto desta vila a estrada supón un grande impacto e fragmenta o núcleo en dúas partes -xunto coa vía do tren- e ademais non presta un servizo axeitado á veciñanza.
Neste sentido, o seu alcalde apuntou que a N-550 é unha das estradas máis perigosas de Europa, polo que considera imprescindible unha actuación que inclúa calmado de tráfico e a construción de rotondas na entrada e saída de Arcade, a humanización do treito correspondente coa rúa Castelao, e a creación dunha senda peonil que coincida co paso do Camiño de Santiago.
Manu Lourenzo lembrou que a petición vén de vello e que o BNG presentan anualmente emendas aos orzamentos para incluír os fondos necesarios para esta actuación, sen éxito, “porque PSOE e Podemos votaron en contra, ao igual que antes o PP”.
A candidata do BNG por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais do 23X, Carme da Silva, acompañada de integrantes das corporacións municipais de Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa, reivindicou estas actuacións e criticou a pasividade alterna dos gobernos centralistas ante as necesidades da veciñanza da zona e salientou que será preciso un grupo galego forte do BNG en Madrid para que “Galiza conte” e se dean solucións ás peticións.