O paseo de Cardona foi unha festa na xornada do sábado para celebrar as tres bandeiras que se disputaban con todas as categorías da LGT. E os anfitrións non defraudaron. O CR Chapela fíxose coa súa primeira bandeira da temporada na Liga A, e tamén coa bandeira feminina onde é a clara favorita ao título.
Levamos un mes de competición da LGT-A, e está a ser a máis igualada dos últimos tempos. Ata o sábado Chapela era a única traíña dos aspirantes ao título que non gañara ningunha regata. Pero iso cambiou esta fin de semana coa vitoria diante da súa afeción en augas de Arealonga. A XXXVIII Bandeira de Redondela foi para Chapela-Wofco, por diante de Bueu, Ares e Tirán-Pereira. Pola parte baixa Cesantes-Rodavigo obtivo unha espléndida oitava posición, polo que o obxectivvo da permanencia semella non correr perigo. NaVIII Bandeira Feminina Concello de Redondela tamén o club anfitrión foi o vencedor, neste caso cun claro dominio das remeiras de Chapela que son as favoritas ao título. En canto á I Bandeira Chapela Wofco da LGT-B, coa que se abría a xornada de compeitición, a vitoria foi para Muros-Esteirana, por diante de Mugardos-A Cabana e Amegrove. A traíña Chapela-Wofco B obtivo un máis que meritorio 4º posto.
A fin de semana completouse coa cita de onte domingo en Rianxo coas probas da LGT-A e LGT-F nas que o vento lateral foi tamén protagonista. Ares volveu demostrar o seu dominio, con Bueu e Tirán por detrás e Chapela-Wofco en cuarto posto. Os beretes pagaron o gran esforzo do sábado, o mesmo que lle aconteceu ao CCD Cesantes, que acabou penúltimo. Non foi así na proba feminina, onde as de Chapela volveron demostrar a súa superioridade e non deron opcións ás rivais. Pola súa banda Cesantes-Cefycal foi cuarta.
CLASIFICACIÓN XERAL LGT-A
- Ares 66 puntos
- Bueu-Simei 63 puntos
- Chapela-Wofco 61 puntos
- Tirán-Pereira 59 puntos
- Castropol 48 puntos
- Cabo de Cruz 42 puntos
- Rianxo 32 puntos
- Narón 29 puntos
- Mecos 25 puntos
- Cesantes-Rodavigo 21 puntos
- Puebla 15 puntos
- Samertolameu-Fandicosta 7 puntos
CLASIFICACIÓN XERAL LGT-F
- Chapela-Wofco 21 puntos
- Mugardos-A Cabana 18 puntos
- Rianxo 15 puntos
- Cesantes-Cefycal 11 puntos
- Salgado-Perillo 8 puntos
- Puebla 6 puntos
- Castropol 5 puntos