Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A oposición deixa sen dedicación exclusiva ao alcalde de Pazos

alternativa veciñal

Luciano Otero lamenta o voto en contra da oposición – PP, BNG e PSOE- que impediu sacar adiante a proposta do seu grupo, Alternativa Veciñal por Pazos, que propuxera ao pleno aprobar unha dedicación exclusiva para o alcalde e unha parcial de 20 horas semanais que asumiría o concelleiro Iván Ventín. Otero lamenta unha decisión que vai “en contra dos intereses dos veciños” e cuxo gasto total “era incluso inferior ao gasto que había co goberno anterior”.

A debilidade dos gobernos en minoría está a marcar a actualidade política na bisbarra. En Redondela o pleno de organización celebrado o pasado xoves deixaba sen salario aos concelleiros ao non lograr o PSOE o apoio dos seu socios de investidura as súas propostas en canto ao reparto de competencias, dedicacións e persoal de confianza. Algo semellante vén de acontecer tamén en Pazos de Borbén.

Neste caso o grupo Alternativa Veciñal fíxose co alcaldía ao sumar no pleno de investidura os votos dos seus 4 concelleiros así ocmo o dos representantes do BNG e PSOE e superar así os cinco votos cos que conta o PP neste municipio. Unha suma que non foi quen de repetir no pleno de organización no que formulaban a proposta dunha dedicación exclusiva para o alcalde, Luciano Otero e unha parcial para o edil Iván Ventín.

Explica Otero que “o gasto total destas dedicacións era incluso inferior ao que había ata agora. Unha proposta moi razoable que foi feita despois de reunirnos con BNG e PSOE e recoller o seu sentir. Lamentablemente, a oposición en conxunto (PP, BNG e PSOE) votou en contra sen achegar ningún argumento de peso para esa decisión”.

Engade o alcalde que “as consecuencias van ser para o concello, que non vai poder funcionar correctamente, xa que ao non dispor de dedicación exclusiva teño que volver ao meu traballo e voulle poder dedicar á alcaldía moito menos tempo do necesario”.

Afirma tamén Luciano Otero que respectan a decisión de BNG e PSOE de non sumarse ao goberno e que son quen de asumir o traballo de gobernar en solitario pero que a cambio “pedimos altura de miras ao resto dos grupos e que nos permitan organizarnos do xeito que podamos traballar, porque en caso contrario non imos poder conseguir esas melloras para Pazos de Borbén nas que as tres forzas do cambio coincidimos”.

Asegura tamén que seguirán traballando co obxecto de acadar un acordo que desbloquee esta situación, polo ben do noso Concello “De erros ninguén está libre, tampouco nós, por iso hai que mirar para adiante e manter unha actitude construtiva e dialogante”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará