Fin de semana de luces e sombras para o CR Chapela na Liga Galega de Traiñeiras. Mentres o equipo feminino proclamaba a súa superioridade unha vez máis ao gañar a Bandeira Alicrusa da Pobra, o barco da LGT-A sufriu unha amarga fin de semana. Malia que a traiñeira de Arealonga rematou a regata en terceira posición, por detrás de Ares e Bueu-Simei, unha infracción deixounos fóra da regata. A embarcación de Chapela-Wofco achegouse ao porto sen autorización arbitral cometendo unha infracción contra o código de regatas da FER sobre o control de pesaxe, un erro que deixou sen puntuar. O domingo, na Bandeira Concello de Bueu, unha saída en falso penalizounos cos cinco segundos regulamentarios, o que os deixou en quinta posición malia ter feito unha regaa soberbia. Tamén na LGT-A Cesantes-Rodavigo foi 9º na Pobra e 8º onte en Bueu. As dúas Bandeiras foron para Ares, que cnas últimas xornadas está a demostrar un punto de forma superior aos seus rivais. Na xeral suman xa 112 puntos, ampliando distancias xa con Bueu-Simei (105 puntos) e Tirán-Pereira (99 puntos). Chapela-Wofco está no 5º posto con 84 puntos e Cesantes-Rodavigo é 10º con 39.
Chapela-Wofco domina a LGT-F
Na Pobra do Caramiñal Chapela-Wofco mantivo a súa condición de invicta na Liga Feminina con remonta incluída. A III Bandeira Feminina Alicrusa realizouse en dúas quendas lanzadas, na primeira partían Salgado-Perillo, Puebla e Castropol e na segunda Rianxo, Chapela-Wofco, Cesantes-Cefycal e Mugardos-A Cabana Ferrol. Na manga das de Arealonga a igualdade só durou unha virada, momento no que Rianxo e Chapela-Wofco comezaron a distanciarse de Mugardos-A Cabana Ferrol e de Cesantes-Cefycal. As rianxeiras estiveron por diante en todo momento, chegando a contar incluso con 5 segundo de vantaxe, pero no último longo as líderes sacaron todo o seu potencial para gañar e continuar como invictas. As de Rianxo foron segundas, por diante das súas rivais directas de Mugardos-A Cabana de Ferrol. Cuarta foi Cesantes-Cefycal, que superou con claridade os tempos da manga anterior.
O CR Chapela é 4º na Liga B
Os de Muros gañaron na casa. A embarcación que lidera a Liga B impúxose diante dos seus afeccionados na 16ª Bandeira Concello de Muros celebrada en Esteiro, un triunfo que lle permite ampliar a dous puntos a súa vantaxe respecto a Mugardos- A Cabana Ferrol no máis alto da clasificacións xeral. A filial de Chapela-Wofco ocupou a cuarta praza na bandeira logo de dominar con autoridade a súa quenda.