A biblioteca municipal Luis Seoane de Soutomaior vén de recibir por terceiro ano consecutivo un dos premios María Moliner para a animación á lectura en municipios de menos de 50.000 habitantes. O galardón, entregado polo Ministerio de Cultura e Deporte, recoñece o labor realizado durante todo o ano polo servizo bibliotecario municipal do Concello de Soutomaior.
A biblioteca municipal presentábase este ano co programa “Biblioteca inclusiva. Biblioteca aprendiendo día a día”. A aprendizaxe ao longo de toda a vida é a máxima que a biblioteca municipal quixo transmitir nesta edición, dende un espazo de acceso libre, democrático e igualitario de encontro entre as diferentes xeracións. Para alcanzar este obxectivo implementáronse pequenos proxectos dentro da Axenda 2030 da ONU, como por exemplo: sesións de alfabetización dixital para persoas adultas, sesións de lectura para persoas maiores e sesións de intercambio de coñecementos musicais; aulas de apoio e reforzo educativo; distintos tipos de clubs de lectura: en francés, castelán, galego, club de lectura fácil; celebración de datas importantes relacionadas co mundo do libro, exposicións, charlas con autores; achegamento da lectura fóra da propia biblioteca (Bibliofogar).