A Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN) confirma que este verán se están producindo máis casos de arrefriados, gripe A e Covid, aínda que con cadros máis leves que durante a pandemia. As farmacias están a notalo cun incremento das vendas de test, e Redondela non é unha excepción. A incidencia de Covid-19 detectada en atención primaria incrementouse un 150% desde o inicio de xullo e chega a 75 casos por 100.000 habitantes. A venda de test de antígenos duplicouse na última semana de xullo respecto ao mesmo período do mes anterior. Andrea Dominguez, que rexenta unha botica na vila, afirma que coa chegada da temporada alta de verán, as vacacións e os encontros de familiares e amigos, os casos están a repuntar.
Os expertos advirten que o aumento da incidencia de Covid-19 posiblemente ten relación con xente maior que perdeu as defensas pola vacinación feita hai xa un ano. Pero non é o único virus que está a afectar á poboación, xa que tamén se dan casos de Gripe A e Gripe B. Os síntomas son similares e na inmensa maioría dos casos leves: tos, dor de cabeza, febre e malestar. Poden tratarse con paracetamol e remiten en poucos días, no caso contrario “hai que consultalo co médico”. En todo caso é importante saber cal é a patoloxía en concreto, e isto é doado cun simple test dos que teñen á venda nas farmacias.
O mellor é aplicar o sentido común, utilizar máscara no caso de ter síntomas e evitar o contacto con personas de risco, como anciáns, nenos pequenos e persoas con enfermidades crónicas ou inmunodepriomidas
En xeral os casos de Covid que se están a rexistrar presentan unha sintomatoloxía leve. Tamén son moitos os procesos catarrais, especialmente polos cambios bruscos de temperaturas, coas sucesivas vagas de calor e o uso do aire acondicionado.