A Xunta celebra na illa de San Simón un campamento e un campo de voluntariado de temáticas cultural e ambiental. ‘A illa das historias’ é nome do novo campamento xuvenil que por primeira vez se desenvolve no complexo cultural da Illa de San Simón. Desde o día 3 de agosto e ata mañá, xoves, os participantes nesta actividade desfrutan de actividades náuticas e de educación ambiental. Ademais, realizan obradoiros para o coñecemento da tradición marítimo-pesqueira local, así como de creación artística e literaria.
Pola súa banda, no campo de voluntariado danse cita catorce persoas procedentes de Galicia, País Vasco, Estremadura, Canarias e Castela e León. Durante a súa estadía realizan visitas interpretativas e teatralizadas polas illas de San Simón e San Antón, o que lles permite coñecer dun xeito lúdico e educativo o pasado e presente destes enclaves, que ao longo da historia foron testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, lazareto para doentes infecciosos ou cárcere.
Traíñas, bateis e observacións astronómicas. Ademais, os voluntarios levan a cabo intervencións medioambientais, coa limpeza das marxes marítimas, e apoian as tarefas de conservación do patrimonio deste espazo, declarado Ben de Interese Cultural e integrante da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. O programa desta experiencia de verán complétase coa iniciación a dous deportes náuticos tradicionais como son as traíñas e os bateis, observacións astronómicas e visitas aos municipios da contorna.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou aos participantes nestas actividades, que forman parte da campaña de verán posta en marcha polo Goberno galego e que este ano conta con máis de 11.000 prazas para nenos e mozos.