Jeff Espinoza & The Gypsy Runners forman parte da edición deste ano
A agrupación redondelá Retroblues, a formación coruñesa Alfredo García trío e Jeff Espinoza & The Gypsy Runners son os artistas que participarán este sábado na terceira edición do Reboreda en Jazz. A finca do Carballo das Polas acollerá este certame, un espazo natural moi acaído para este tipo de concertos e cunha acústica “escepcional”, como explica Javier Sotelo Waidele, organizador do festival. Ademais das bandas, o Reboreda en Jazz contará tamén este ano cun inchable para os máis pequenos, ademais do servizo de cantina.
A escolla dos grupos realizouse dando cabida tamén aos músicos locais e contemplando o jazz “nun sentido amplo”, sinala Waidele, para favorecer tamén a participación do público.
O espazo onde se realiza a festival pertence á Xunta de Galicia, e está xestionado polo Xacobeo. Desde a SLC de Reboreda lamentan que este emblemático espazo para a parroquia non sea posto en valor pola Xunta de Galicia, e que o proxecto para crear un auditorio ao aire libre “quedara nun caixón”, xa que podería facerse un espazo “similar ao auditorio vigués de Castrelos, pero máis pequeno”.
O III Reboreda en Jazz comezará este sábado, día 12 de agosto ás 20.00 horas. Está organizado pola Sociedade Labrego Cultural de Reboreda e o Concello, e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a concellería de Cultura de Redondela.