Sheila Patricia actúa hoxe ás 21:30 horas no marco das Festas de Reboreda, onde interpretará o seu último traballo, “Orixe”, un disco co que a artista regresa ás súas raíces e no que mestura a tradición coa música máis moderna para facer a todo o mundo bailar.
Este ano as Festas de Reboreda caracterízanse por ter un enfoque “folk” cun formato “atrevido” no que se prioriza a música en galego e local. O mellor exemplo de música redondelá é Sheila Patricia quen considera este cambio “unha idea moi valente e necesaria para promover e apoiar a nosa cultura”.
Durante a actuación cantará temas coñecidos da súa discografía, pero centrarase no seu último traballo. Este segue varias liñas creativas como a beleza, a palabra ou a perspectiva feminina do mundo. Pero sobre todo tenta “demostrar que a nosa música non ten límites e mesmo pódese bailar nas discotecas e percorrer o mundo”. Un dos seus seguintes concertos é en Korea, gracias ao que podemos dicir que “a música de Redondela é internacional”.
A súa música é “para todos os públicos” e abrangue un rango de idades moi extenso. Para a artista “hai cancións deste disco que poden facer sentir tanto a unha avoa como a unha nena”.
Hoxe a xornada das Festas de Reboreda comeza ás 12:00 horas da mañá co oficio da misa cantada pola Coral de Reboreda seguida de procesión en honra a San Roque, acompañada do grupo O Carballo dás Cen Polas. Ás 19.00 horas terá lugar actuación de Tanxarina para os máis pequenos, seguido do acto de homenaxe e ofrenda floral ao Carballo dás Cen Polas, para rematar coa actuación de Sheila Patricia a partir das 21:30 horas.