Xustifica o “momentáneo” abandono do proxecto por carecer dos permisos pertinentes de Costas pero asegura que “tarde ou cedo o auditorio vaise construír” e que se non se fai baixo o seu mandato será co seu sucesor, Eduardo Reguera. O rexedor local aclarou este punto a raíz dunha pregunta do PP quen reclamaba explicacións sobre o abandono do proxecto para o novo auditorio da Marisma
Segundo explicou o concelleiro popular Alberto Pazos, logo de anos escoitando de palabra do alcalde que o “auditorio non era un proxecto senón unha realidade” agora o proxecto estaba paralizado logo de terse realizado importantes investimentos. Comparaba este feito con outros proxecto que foron aprazados sen data como o PXOM, o paseo do viaduto ou o mercado do gando e engadía que este caso era máis grave se cabe “despois de incluir fotografías virtuais no programa socialista ou pasear á ex conselleira María Xosé Caride pola vila para vendernos un proxecto que xa fora licitado e que finalmente quedarase nunha nova mentira do alcalde aos redondeláns”. Na súa explicación Rei asegurou que o proxecto “non está abandonado” pero recoñeceu que hai problemas con Costas que obrigan a pospoñer a súa construción. Neste sentido asegurou que se están realizando diferentes trámites encamiñados á desafectación e A Marisma, o que significaría que eses terreos pasarían de dominio público estatal a dominio municipal o que permitiría realizar a obra. Tamén asegurou que se está a traballar para que tanto Costas como o Ministerio de Medio Ambiente dea o permiso algo que tarde ou cedo a o seu entender vai ser unha realidade “tendo en contra que a Marisma xa está perdida e que do mesmo xeito que se construíu un centro de saúde ou varios institutos non debería haber problema para construír o Auditorio ou un novo pavillón.