O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Saúde, Rosana Martínez, mantiveron onte un encontro co xerente do Sergas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e a directora de Atención Primaria nesta área, Marta Ocampo. Durante o encontro, o rexedor trasladou aos responsables do Sergas as queixas da veciñanza de Soutomaior “que leva anos a sufrir a falta de recursos e de persoal médico no centro de saúde de Arcade, agravada este verán despois de que non se cubrisen as vacantes por vacacións de varios profesionais”. Lourenzo trasladoulles na xuntanza que o obxectivo do goberno de Soutomaior “é traballar de maneira conxunta coas diferentes administracións para mellorar a sanidade pública do concello e garantir que toda a veciñanza teña acceso a unha atención sanitaria digna e de calidade”. Lourenzo lembrou que Soutomaior pacede desde hai anos “unha alarmante falta de médicos”, xa que hai tan só 3 facultativos para atender a 7.500 veciños, “cuns ratios moi por enriba do que aconsella a OMS”. Por outra banda o servizo de pediatría leva un ano “practicamente deshabilitado”, e a situación agravouse no verán, polo que as familias deben levar aos nenos ás Urxencias a Pontevedra.
Lourenzo valorou de xeito positivo a xuntanza e sinala que percibiu “unha actitude honesta e a vontade de facer cambios por parte dos responsables do Sergas para buscar solucións a uns problemas na sanidade de Soutomaior que levan anos a afectar á veciñanza”. Recoñece que “un longo camiño por andar e moito traballo por diante”, pero afirmou estar “un paso máis cerca de que se mellore a atención sanitaria no noso concello”
Pola súa parte, a concelleira de Saúde, Rosana Martínez, sinalou que “viñemos a esta reunión a darlle voz á veciñanza de Soutomaior que leva anos a reclamar que se melloren as condicións do centro de saúde de Arcade e que se aumente o persoal sanitario que actualmente traballa no concello. O goberno de Soutomaior está comprometido coa súa veciñanza e así llo fixemos saber ao Sergas, co que esperamos traballar a partir de agora para que Soutomaior e a súa sanidade pública avancen”.