A primeira proba das embarcacións femininas da Bandeira da Concha celebrouse onte en San Sebastián. A representación redondelá estaba presente a través do CR de Chapela (Grupo A) e o CCD Cesantes-Rodavigo (Grupo B). O resultado non foi o esperado e por 6 segundos as de chapela quedáronse ás portas da final que se celebrará o domingo 3 de setembro.
Cabe destacar que na final da Bandeira da Concha, non haberá ningunha tripulación galega en categoría feminina. Onte na clasificatoria só Chapela ( 14:18) e Cabo (13:23) estiveron preto de situarse entre as mellores, sendo superadas polas vascas de Zumaia (12:57) que conseguiron o cuarto mellor tempo, deixando sen opción a ningunha traiñeira de Galicia. Julio Prado, o presidente do club de Chapela, expresaba a súa satisfacción por “un traballo ben feito a pesar de non alcanzar o obxectivo proposto”.
As condicións meteorolóxicas eran moi duras para as tripulacións da comunidade, un dos motivos polo que as remeiras alcanzaron certo desgaste físico. Prado define un mar de fondo con moitas ondas e vento rachado que dificultan a navegación”.
Hoxe, ás 18:00 horas, será a quenda das 24 traiñeiras masculinas onde participan as traiñeiras de Chapela (Grupo A) e Cesantes (Grupo B). Do mesmo xeito que na modalidade feminina, divididas en dous grupos e en intervalos dun minuto, percorrerán na modalidade de contrarreloxo as 3 millas náuticas do campo de regata. Haberá que ter en conta as condicións do mar nesta xornada e esperar aos resultados para ver se Redondela pode finalmente traer a Bandeira da Concha a casa.
Clasificación Grupo A
1. Orio: 12:23; 2. Donostia Arraun Lagunak: 12:31; 3. Tolosaldea: 12:36; 4. Zumaia: 12:57; 5. Hondarribia: 13:04; 6. Hibaika: 13:06; 7. Kaiku: 13:12; 8. CR Chapela: 14:18; 9. Cabo: 13:23; 10. Zarautz: 13:39; 11. Asillero: 13:41; 12. Ondarroa: 13:46; 13. Tiran Pereira: 13:56.