O ano pasado a taxa de infraccións situouse no 20 por cada mil habitantes o que supón 27 puntos por baixo da media Estatal e 10 da media provincial.
Redondela é a localidade coa menor taxa de delitos dos cinco grandes núcleos de poboación da Provincia, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Marín. Así o puxo de manifesto esta mañá o Subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, durante a reunión anual da Xunta Local de Seguridade, que se celebraba no noso concello. Fernández destacou o nivel de seguridade que rexistra Redondela que segundo dixo pechou o 2008 cunha taxa de criminalidade do 20,21 por mil, 27 puntos por debaixo da media española e 10 por debaixo da media provincial. O rexedor local, Xaime Rei, amosou a súa satisfacción por este dato e asegurou que Redondela é unha vila moi segura. Malia todo Delfín Fernández destacou que pese ao descenso do número de delitos no que vai de ano produciuse un aumento do número de faltas, así como o número de ordes de protección, en materia de violencia de xénero, que ascenden a 34 en todo o concello. Na xuntanza, á que tamén asistiu o concelleiro de Seguridade, Eduardo Reguera e representantes do Corpo Nacional de Policía e da Policía Local, o Subdelado do Goberno propuxo a creación dunha comisión en materia de violencia contra a muller, co fin de previr e sensibilizar á sociedade. A comisión estaría integrada por representantes municipais, de servicios sociais, dos servizos de protección ás mulleres, policía e representantes xudiciais. Unha proposta que foi ben acollida polas autoridades locais. Por outra banda o Delfín Fernández lembrou que a policía local xa ten competencias para multar dentro do centro urbano, logo da sinatura do convenio coa DXT, aínda que polo momento a sanción non supón perda de puntos.