Bregado na política local como concelleiro na corporación de Redondela, o seu ascenso dentro do PP foi paulatino asumindo diversos cargos dentro do seu partido como Deputado en Pontevedra e posteriormente como portavoz de Exteriores e cooperación, Política social e Sanidade. Na actualidade era viceportavoz segundo e Alfonso Rueda ven de elixilo para relevar a Pedro Puy como portavoz do PP.
“Asumo esta función con agradecemento e co obxectivo de tentar desenvolvela co máximo de entrega e con acerto” asegurou nos micrófonos da Radio Local Alberto Pazos horas despois de coñecer o seu nomeamento que, engadiu, “entraba dentro das quinielas”.
Os seus inicios na política leváronno a asumir diversas responsabilidades no ámbito local sendo concelleiro na oposición e posteriormente voceiro do PP en Redondela durante o primeiro mandato de Javier Bas. Unha experiencia que recoñece “é moi dura pero tamén moi gratificante xa que ao final traballas para a xente que coñeces e que tes máis próxima”.
Licenciado en Dereito leva no parlamento autonómico dende o ano 2016. Nas últimas dúas lexislaturas levou as portavocías de Exteriores e Cooperación, Política social e Sanidade e na actualidade era viceportavoz segundo.
Home da máxima confianza do presidente da Xunta asegura que o seu labor pasa necesariamente “por loitar para chegar a acordos e entenderse co resto dos partidos”. Insiste en que “un ten que ser apaixonado na defensa dos seus ideais pero aquí estamos para lexislar e para iso é necesario escoitar e saber chegar a acordos con outras forzas políticas que pensan distinto do que pensa un”
Pazos asume así o cargo como número dous do seu partido nun momento ademais crucial a menos de dez meses das eleccións autonómicas en Galicia.