Tres compañías de teatro da provincia achegan ao multiusos da Xunqueira obras para todos os públicos dentro da V edición da mostra de teatro afeccionados que organiza o concello de Redondela. Todas as representación serán ás 20:00 horas a un prezo simbólico de 1 euro.
A primeira das actuacións será este mesmo sábado e correrá a cargo da compañía pontevedresa Teatro Arume. O grupo dirixido por Juan García Lorenzo pon en escena unha adaptación da novela orixinal de Manuel Núñez Singala ‘O achado do castro’ onde se mestura a ambientación da época romana con elementos da actualidade, creando situacións cómicas. O día 21 será a quenda do grupo de Castro barreiro de Salceda de Cáselas. Unha comedia cuxo título xa fala por si mesmo “Paco Jones, detective privado”. Neste caso o argumento sitúanos nun chalet da periferia onde viven tres irmáns solteronas cuxas vidas vense alteradas por unha serie de roubos. Para esclarecer a situación deciden contratar un detective moi especial, Paco Jones. As situación cómicas sucédense nesta obra do dramaturgo José Cédena. O programa concluirá o sábado 28 coa obra “Comendo pementos de Padrón con Tarantino” do grupo de Narón “O aturuxo de Melpómene”. Tamén aquí unha comedia escrita e dirixida por Leandro Lamas cuxa protagonistas é unha nai que agocha o seu pasado limpándolle ós porcos. Unha filla que quere ser cantante. Un pianista no horizonte. Un libro que nunca foi aberto…