A moción presentada polo PP na que demandaban que se instara á Fomento a que procedera a limpar e recuperar os restos da fortaleza foi rexeitada ao votar en contra o resto dos membros da corporación. Todos os grupos, PSOE, BNG e AER, argumentaron o seu voto por entender que a moción era “oportunista” e que os populares “esquecían” as responsabilidades que o PP da Xunta de Galicia ten con este patrimonio.
O PP reclamaba á alcaldesa Digna Rivas que esixira ao Ministerio de transportes que procedera a actuar de inmediato na recuperación e limpeza na zona da fortaleza de Rande atendendo a súa relevancia por tratarse dus restos que se remontan ao século XVII e que poden ser ademais un punto de atracción turística para o concello. Así o explicaba o concelleiro do PP Miguel Angel Alvarez.
Dende AER criticaban que os populares se esqueceran de facer esta demanda á Consellería e que tan só reclamaran ao goberno estatal e ao concello que actuaran na recuperación deste ben patrimonial “cando o goberno local non ten ningunha competencia neste sentido”.
Os nacionalistas entenden que a moción é de carácter oportunista e incidían tamén no feito de que a Xunta ten que ter responsabilidades sobre o seu patrimonio. Subliñaba Xoán Carlos González que non chega con facer unha limpeza “compre facer un proxecto de difusión e de posta en valor de todo o patrimonio que existe no estreito de Rande non só na fortaleza senón tamén o cargadeiro de Coto Wagner e outros elementos e vestixios do noso pasado que alí se atopan”.
A socialista Rita Pérez criticaba que “non 2016 os populares afirmaran que o Concello non tiña competencia algunha sobre este patrimonio” e agora esixan que sexa o goberno local quen se acupe da súa conservación. Tamén criticou que dende a Xunta non se “moverá un dedo por protexer este patrimonio”.