O Concello de Soutomaior organizará este venres 15 de setembro unha xuntanza informativa sobre o mosquito tigre despois de que a Xunta de Galicia detectase os primeiros exemplares desta especie en Redondela. A xuntanza, que terá lugar no Multiusos de Arcade ás 13 horas, estará destinada a todos os traballadores e traballadoras do Concello, especialmente a aqueles que realizan actividades exteriores, pero estará para todo o público interesado.
Para impartir esta xuntanza, o Concello de Soutomaior contará co entomólogo e investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Alejandro Polina González, que explicará como recoñecer os exemplares de mosquito tigre, os seus hábitos vitais (especialmente de cría e aniñamento) e os protocolos para a colocación de trampas en espazos exteriores.
O Concello de Soutomaior prega á veciñanza que preste atención ante un posible avistamento de exemplares de mosquito tigre na zona. Neste sentido, lembra que poden notificar estes avistamentos na páxina web mosquitoalert.com ou na aplicación móbil Mosquito Alert.