Os amantes do deporte urbano teñen unha cita obrigada este sábado no skatepark da Marisma coa terceira edición dun evento que naceu en pandemia e que xa está consolidado como un referente no que se dan cita os mellores skaters e riders da comarca. Exhibicións e competicións de skate, scooter, bmx e baloncesto 3×3 son as citas deportivas nunha xornada na que haberá música cun fin de festa a cargo de varios Djs.
“Isto é un modo de vida que cada día ten máis adeptos” así o explica Marcos Fermoselle, organizador xunto con Manuel Pazos desta cita que conta dende o seu inicio, tres anos atrás, co apoio do Concello. Logo de arrancar con dificultades polas restricións da pandemia chega a esta terceira edición “con moita proxección e coa participación de máis de 200 deportistas nas diferentes modalidades que chegan de numerosos puntos de Galicia e incluso de fóra da comunidade”.
O Choquiño Urban Jam arrancará xa en horario de mañá con clases gratuítas de skate para os máis cativos. A continuación terán lugar as competicións de skate, nas modalidades de amateurs e avanzado, entre as 11:00 e as 13:00 horas.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, será a quenda das modalidades de bmx e scooter, con “números sorprendentes” a cargo dos participantes que farán as delicias dos afeccionados.
Un evento que logra facer afección nun concello no que, segundo explica Fermoselle, xa hai un elevado número de deportistas e con moito nivel.
A xornada contará tamén cunha demostración de “hair tattoo” a cargo da barbería redondelá Duranes. A música será a encargada de pechar este evento a partir das 21:30 horas con actuacións dos Djs Set, Carlos González e Fergwell, encargado da animación do evento.