A empresa de telefonía Aurea desenvolveu nas últimas semanas os traballos de instalación de fibra óptica en Vela, Cortevella, A Coutada e Cortellas. Ademais, a compañía comprométese a estudar baixo demanda a instalación en zonas de Soutomaior onde aínda non chegase a fibra ou o servizo instalado non cumpra cos niveis de demanda requiridos
O Concello de Soutomaior vén de anunciar que a cobertura de fibra óptica nos barrios avanza a bo ritmo despois de que así o confirmase a empresa Aurea quen explicaron aos responsables municipais que nas últimas semanas leváronse a cabo os traballos de instalación de fibra óptica en Vela, Cortevella, A Coutada e Cortellas, quedando estas zonas cubertas.
Ademais, desde a empresa de telefonía comprometéronse co Concello de Soutomaior a que, baixo condicións de demanda por parte da veciñanza, estudará a instalación de fibra óptica en zonas de Soutomaior onde aínda non chegase este servizo, e a ampliación da instalación naquelas zonas e barrios onde o servizo de fibra óptica si estea instalado pero non cumpra cos niveis de demanda requiridos.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “xa mantivemos varias reunións con Aurea para abordar a instalación de fibra óptica nos barrios de Soutomaior co obxectivo común de achegar este servizo aos fogares da veciñanza”. “Agradecemos á empresa Aurea que en todo momento se puxese a disposición do Concello de Soutomaior para acelerar o proceso de instalación da fibra óptica nos barrios e que o servizo estivese habilitado o antes posible”, engadiu Lourenzo.
Neste sentido, subliñou que “o goberno de Soutomaior traballou e segue a traballar para que toda a veciñanza de Soutomaior teña a súa disposición o servizo de fibra óptica se así o require”. “A cobertura de Vela, Cortevella, A Coutada e Cortellas é unha boa noticia, pero imos seguir a traballar para que toda a veciñanza de Soutomaior poida desfrutar do servizo coa mellor calidade posible”.