O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou na cámara baixa varias iniciativas nas que demanda ao Goberno do Estado que adopte as medidas e contactos necesarios para impedir a perda de postos de traballo e asegure a continuidade da actividade empresarial e industrial de Nueva Pescanova. Na xonrada de hoxe os representantes dos traballadores de Chapela e Madrid manterán a primeira reunión polo expediente de regulación de emprego (ERE) co que a compañía pretende prescindir dun cento de traballadores afectando principalmente as súas oficinas de Redondela.
No encontro de hoxe facilitarase aos responsables sindicais a documentación do inicio do periodo de consultas así como o informe co que Nueva Pescanova xustifica a adoción deste expediente. O comité de empresa emprazou á dirección a buscar alternativas e retormar a vía de negociación e pediu para iso o apoio de administración e dos grupos políticos ante un ERE que previsiblemente afectara a unha década tres persoas do departamento.
Dende o BNG amosan a súa preocupación porque entenden que de non parar este ERE “será o punto inicial da perda de postos de traballo co único obxectivo de reducir custos, sanear contas e mellorar a súa posición para unha posterior venda” alerta o deputado nacionalista Nestor Rego.
Neste sentido, Rego solicita por parte do Goberno do Estado unha valoración sobre o ERE anunciado e reclama que se manteñan contactos coa dirección da empresa para “asegurar o mantemento da actividade empresarial, evitar despedimentos e garantir o futuro da factoría especialmente no caso das plantas situadas na Galiza, como a de Chapela”.
Pescanova, continúa Rego, é unha empresa vinculada a Redondela e á historia de Chapela, concretamente á zona costeira da parroquia. “Nos anos 60 xerou centos de postos de traballo en Redondela e os concellos veciños” destaca. Por todo iso, sinala que este ERE “afectará fundamentalmente o centro situado en Chapela e terá un forte impacto na economía da comarca”.