A Alameda Castelao volve acoller esta fin de semana unha nova edición da feira de oportunidades do comercio local. En horario continuado, o sábado de dez da mañá atas as nove da noite e o domingo dende as once ata as oito da tarde, a veciñanza poderá beneficiarse das ofertas de máis de trinta comercios que sacan a rúa a súa mercancía a prezos rebaixados.
Moda, calzado e complementos supoñen o 70% da oferta nesta feira na que tamén poderemos atopar alimentación, vehículos, agro, xardín, decoración e beleza de benestar. En total 30 establecementos que “achegarán as mellores oportunidades a esta feira anual” ofertando os seus produtos a un prezo máis económico a toda a clientela que se achegue a Alameda na vindeira fin de semana.
Unha iniciativa da Asociación de empresarios de Redondela en colaboración co Concello que supón un beneficio dobre: para os comerciantes é a oportunidade de vender os seus produtos en stock e dar a coñecer tamén as novidades que se poderán adquirir con prezos especiais na feira e, por outra banda, un beneficio para todos eses veciños e veciñas que poderán adquirir produtos atractivos a un prezo máis económico.
Unha cita comercial que nacía no ano 2009 e que foi medrando edición tras edición. De feito, logo do éxito do ano pasado confían en repetir a afluencia de público que se achegue a esta feira. Axudará sen ningunha dúbida o bo tempo que se espera de cara a eses dous días “confiando tamén en que o público responda nunha edición na que o esforzo económico é especialmente complicado para unha Asociación de Empresario que tivo que afrontar un reto maior nesta edición para facer fronte ao desembolso económico que supón a organización desta cita” segundo explicaba Julia Alonso dende a Asociación de Empresarios.