Co gallo da próxima celebración do día da non violencia contra as mulleres, a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade organiza en Redondela diferentes actividades que inclúen un obradoiro para menores de 12 anos baixo o título “Xogando pola igualdade” e a representación teatral da obra “Parella Aberta” para todos os públicos
A Compañía Sísifo teatro presentará o domingo no Multiusos a obra teatral “Parella aberta” interpretada por Marisa Prado e Rafa Costas baixo a dirección de Manuel Camba.
Trátase dunha adaptación teatral de Candido Pazó da obra orixinal, escrita polos autores italianos Darío Fo e Franca Rame. O argumento preséntanos un marido, presuntamente “progre”, que suxire á súa muller abrir a súa vida matrimonial a outras relacións con total liberdade, ata que ela se atopa con outro home, catedrático, físico nuclear e compositor de cancións de rock, do que se namora. É entón cando ao marido xa non lle parece tan ben…
O texto orixinal, escrito en 1983 por Darío Fo e a súa muller Franca Rame, presenta continuas ironías e provocacións da gargallada, desenvolvidas en clave de farsa a pesar de ser un tema serio e transcendente. Trátase dunha vertixinosa sucesión de situacións cómicas nas que moita xente se recoñecerá facilmente, moi actual e que chega facilmente ao público.
A representación celebrarase o vindeiro domingo 22 de novembro de 2009, ás 19:00 horas, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira, en Redondela.
Obradoiro
Por outra banda, a Concellaría organiza un obradoiro de igualdade para nenos e nenas de 3 a 12 anos baixo o títuloa “Xogando pola igualdade” Será hoxe venres no Multiusos entre as 17:00 e as 18:30 horas.
Este taller sobre a non violencia e a igualdade está enfocado aos nenos e nenas co fin fomentar a través de xogos e actividades lúdicas a cooperación e a igualdade como algo cotiá en todas as facetas da vida.
Alén disto, outro dos obxectivos fundamentais é o fomento do traballo en equipo e a resolución de problemas pola vía do diálogo e o entendemento. Para isto desenvolveranse tamén actividades cooperativas nas que todos os participantes teñan que traballar en igualdade de xeito lúdico.