A sesión plenaria que de xeito ordinario celébrase o último mércores de casa mes está convocada para mañá martes ás 20:30 horas. A plataforma cidadá convocara un magosto n praza do concello para o mércores ás oito da tarde.
A voceira do PP, Francisca Canal asegura que o alcalde, Xaime Rei convocou aos portavoces dos partidos cun único punto dentro da orde do día: o cambio de data do vindeiro pleno. Asegura a edil popular que a única explicación do alcalde foi que “para a xornada do mércores 25 está prevista unha manifestación, polo que cría convinte celebrar a sesión outro día co fin de non atoparse con eles”
Canal entende que con este comportamento o rexedor local está a “amosar a súa incapacidade para xestionar os problemas da vila, agochándose dos veciños, sen dar a cara antes as posibles dificultades e inquedanzas destes”. Neste sentido, a portavoz popular insta a Xaime Rei a que convoque o pleno para o mércores, día habitual, e “se enfronte aos verdadeiros problemas que están a sufrir os veciños, atendendo as súas demandas e non deixándoos de lado, fuxindo da realidade”.
Lembra ademais que estes cambios nas datas dos pleno provocan trastornos nas axendas dos concelleiros e neste caso non está xustificado.
Magosto
A plataforma cidadá anunciou a pasada semana a celebración dun magosto o mércores 25 ás 20:00 horas na praza do concello. Un acto co que volvía convocar a todas as persoas e colectivos que estean interesados no problema da autovía para intercambiar información sobres as últimas novidades ao respecto así como de futuras actividades desenvolver.