“A partir do vindeiro mes faremos visitas as vivendas para controlar que a veciñanza acata a nova normativa” así o afirma o concelleiro de sostenibilidade, Roberto Villar. Un departamento que xunto co de Medio Ambiente continúa coa campaña de adopción felina logo da aparición nos últimos días de dúas gatas de apenas un mes de vida: Chouba e Pita.
Dous animais que eran rescatados a pasada semana na parroquia de Cesantes. A primeira xa foi adoptada e búscase agora un fogar para Pita. A familia responsable que queira facerse cargo do seu coidado recibirá a Pita desparasitada, coas vacinas correspondentes e esterilizada en canto a súa idade o permite. As persoas interesadas en adoptala poden poñerse en contacto co concello no teléfono 986 400300. Nas últimas semanas xa se logrou a adopción de preto dunha trintena de gatos, animais que foran abandonados e que acabaron en mans do concello quen se encargou de xestionar a súa saída de cara a familias responsables.
Unha iniciativa que busca dar un fogar a eses animais pero tamén chamar a atención sobre unha problemática que responden a falta de sensibilidade de parte da cidadanía cos animais. Neste sentido o pasado 29 de setembro entraba en vigor a Lei de Benestar Animal na que se recollen unha serie de esixencias que debe cumprir toda persoa que conte cun animal de compañía e insisten dende o goberno local que se realizarán controis a partir do vindeiros mes para comprobar que se respecta a normativa.
Cuestións tales como manter o animal integrado no núcleo familiar ou no caso de que non poida ser así que dispoñan dun aloxamento axeitado, que se adopten as medidas necesarias para evita que cause molestias a outras persoas ou animais e que se adopten tamén as medidas necesarias para evitar la reprodución incontrolada así como que os animais estean identificados mediante microchip.