Todos os grupos apoiaron por unanimidade no pleno de onte un manifesto no que se comprometen a loitar contra esta lacra social. O acordo non evitou que os populares criticasen a política que está a realizar a Concellería da Muller en Redondela
Visto e non visto foi o pleno de onte. Unha sesión de trámite cuxos puntos incluídos dentro do orde do día foron despachados en menos de cinco minutos. A sesión prolongouse dez minutos mais a raíz do debate do manifesto institucional elaborado polo goberno local co gallo da conmemoración hoxe do día internacional contra a violencia de xénero. Un manifesto no que ademais de facer un breve percorrido pola historia desta data a corporación municipal comprometese a loitar contra a violencia machista e a demandar do goberno galego maiores medidas para loitar contra esta lacra. Dende o PP, aínda que se apoiou o texto na súa totalidade, puxéronse reparos ao feito de que fose o alcalde e non algunha concelleira a encargada de ler o manifesto e criticouse que o texto non tivese sido consensuado por todos os grupos. A voceira do PP, Francisca Canal aproveitou a súa intervención para criticar as actividades desenvolvidas pola concellería da muller, departamento que ao seu entender está a “facer caridade e non políticas formativas que permitirían ás mulleres incorporarse ao mercado laboral”. Engadiu tamén que a día de hoxe “non está a funcionar nin o consello da muller nin a concellería correspondente”. Unhas críticas que foron contestadas dende a bancada nacionalistas. A responsable de muller Rosa Costas afirmou que o seu departamento está a realizar cursos que outorgan ás alumnas títulos oficiais que lles permiten acceder ao mercado laboral -e puxo como exemplo o curso de xeriatría e enfermería desenvolvido por 26 mulleres “que lles permiten contar cun título oficial para desenvolver unha profesión moi demandada pola sociedade” así como obradoiros e actividades nas parroquias demandados polas propias usuarias. Un debate que non impediu que todos os grupos sen excepción apoiasen o manifesto. Precisamente ás doce do mediodía de hoxe está prevista unha concentración na casa consistorial onde se dará lectura ao texto aprobado.