A Asociación lenda celebra o día mundial da saúde mental con diferentes actividades na rúa que queren dar visibilidade a esta data que se conmemora cada 10 de outubro. Así, este martes e baixo o lema “Saúde Mental, Saúde Mundial, Un dereito Universal” organizan unha serie de actos que terán como punto neurálxico a praza Alejandro Otero.
A primeira das actividades consistirá na presentación da revista número 43 “A voz de Lenda” dedicada nesta ocasión á Violencia. Durante todo o día, pola mañá de 11:00 a 13:00 e pola tarde de 16:30 a 19:00 na Praza Alejandro Otero de Redondela acompañados de música ofrecerán un pequeno almorzo e un petisco aos asistentes.
Inclúese tamén entre os actos do día a instalación artística “As árbores do compromiso”, colgándose mensaxes nas pólas das árbores da Praza cos compromisos que se precisan para acadar os dereitos universais en Saúde Mental. A lectura do manifesto está prevista para as 12:30 horas.
Os actos organizados por Lenda continuarán o mércores na prisión de A Lama, onde desenvolven un programa coas persoas alí internas que inclúe nesta ocasión o obradoiro “Compartindo Arquivos de Resistencia en Saúde Mental”, a lectura dun manifesto propio e a entrega de diplomas e invitacións a seguir participando e traballando nas actividades do programa.