A nova farmacia de Chapela, que abríu as súas portas hai un mes, e a da Portela, que rematou as obras de apertura, serían os dous establecementos afectados pola sentenza do Tribunal Superior.
O Tribunal Superior de Galicia considera ilegais algúns dos baremos empregados pola Consellería do bipartito na concesión das licenzas no 2006. Entre os preto de 90 establecementos que se ven afectados por esta sentenza atópase o establecemento de Chapela, que remata de ser inaugurado hai un mes, e outra farmacia en Cedeira, situada na estrada N-552, que une Redondela e Vigo, á altura da Portela e que vén de finalizar as obras de apertura. Estas son dúas das 87 licenzas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou, quince delas situadas na provincia de Pontevedra e que pon en dúbida a súa continuidade. A sentenza anula o criterio de valoración dos cursos de posgrao dos solicitantes, que daba o dobre de puntuación (dous puntos fronte a un) aos farmacéuticos de hospital fronte aos titulados noutras especialidades. Segundo o fallo, esta diferenza no criterio é “unha infracción do principio constitucional de igualdade”, polo que “anula” o baremo que puntúa os estudos de posgrao segundo as especialidades, ao consideralo “contrario a dereito”. Deste xeito os baremos empregados pola Consellería de Sanidade, que daquela dirixía a socialista, María José Rubio, para convocar e outorgar 87 novas licencia non son válidos. O Supremo dá así a razón á Federación de Empresarios Farmacéuticos de Galicia (Fefga), que presentara un recurso contra a convocatoria da Xunta ao consideralo discriminatorio para os farmacéuticos doutras especialidades. Con todo, a sentenza do Supremo desestima as outras demandas incluídas no recurso, que tamén pretendía que o non ter unha farmacia anterior non servise para desempatar en caso de dúas solicitudes coa mesma puntuación, como recolle a resolución do concurso público.Ademais dos dúas farmacias de Redondela, tamén están afectadas por esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia farmacias da Illa de Arousa, Ribadumia, Caldas de Reis, Marín, Vilaboa, Baiona, Moaña, Mondariz, Nigrán, Ponteareas (dúas oficinas), O Rosal e Salceda de Caselas. Polo momento a Consellería afirma que non vai tomar ningunha decisión ata que non estude polo miúdo a sentenza do Alto Tribunal Galego