A concellería de Cultura anuncia a reubicación dos cachos do muro de Berlín, actualmente nunha das cepas do viaduto, logo de que o PP lles recriminase no pleno o estado de deterioro no que se atopan
A concellería de cultura ten previsto trasladar os dous cachos do muro de Berlín que actualmente se atopan nunha das cepas do viaduto relegados practicamente ao esquecemento. Os fragmentos do muro protexeranse ademais de poisbles actos vandálicos e das inclemencias atmosféricas con paneis de metacrilato. Un anuncio que este departamento fai logo de que no último pleno municipal, o celebrado o pasado martes, o PP lle recriminase ao goberno local o estado no que se atopan ese anacos de muro traídos dende a capital alemá a principios da década dos 90 e que foran cedidos ao concello por parte dun emigrante, Manuel Figueroa para que foran expostas no municipio en lembranza da caída do muro e a posterior reunificación de Alemaña no ano 89. Na última sesión plenaria o PP preguntáballe ao goberno local porqué non se fixo ningún acto para lembrar este vinte aniversario tendo en conta a existencia destas pezas na vila. O alcalde agradecía aos populares a idea e engadía que os cachos de muro se atopaban en bo estado de conservación. Agora a concellería de cultura rectifica e anuncia que se tomarán medidas para que pezas teñan maior repercusión e presenza entre a cidadanía polo que se trasladarán aos xardíns do paseo da xunqueira.