O equipo feminino Infantil do BM Chapela, un dos que compiten en categoría “Ouro”
O BM Chapela está inmerso nunha nova etapa onde a canteira centra todos os esforzos do club. A presidenta, María González, celebra que esta temporada “por fin” volven ter equipos competindo en todas as categorías, tanto masculinas como femininas “o que é unha moi boa nova para o club”. Deste xeito tamén os equipos sénior se van nutrindo dos xogadores e xogadoras da canteira.
As categorías base do BM Chapela están a destacar tamén polo seu bo nivel, con excelentes resultados na pretemporada, e con case todas as categorías competindo na categoría de Ouro. A presidenta apunta tamén que algúns deles teñen tamén “moi boas perspectivas de cara a esta temporada”. O importante para a directiva é “facer piña” e que a gran familia do BM Chapela se consolide e siga medrando. Logo duns anos de moitos cambios e a pandemia da Covid “o pavillón volve estar cheo” e iso é o máis positivo para o club, apunta María González. “Ver que os rapaces e rapazas se relacionan entre eles e fan amizade aínda sendo de distintas categorías é o máis bonito”.
Tanto pola semana cos adestramentos, como na fin de semana coa celebración dos partidos, o BM Chapela vive grandes momentos no pavillón municipal da parroquia Manuel González Soto, que leva o nome do que fora presidente do club e pai da actual presidenta. Esta fin de semana acolle o partido do equipo sénior de Autonómica, que non comezou con bo pé a competición. Logo de perder nas dúas primeiras xornadas, desde a directiva lamentan “a mala sorte” do conxunto de Mingos, con varias baixas e sancións nos primeiros partidos. González está convencida de que os bos resultados chegarán e confía na calidade dun equipo que está “moi ben compensado”.
Este sábado reciben ao Dispesan Pontedeume, ás 18.30 horas.