O cadáver de Alejandra Soto-Alján, quen desaparecera na tarde noite do pasado martes, localizouse nunha pista forestal nunha ladeira do monte dos Altares ao redor das nove da mañá
O concelleiro de Seguridade de Redondela, Eduardo Reguera, confirmaba a primeiras horas da mañá de hoxe que aparecera o corpo sen vida de Alejandra Soto, pouco despois de que se iniciase un dispositivo de busca pola parroquia de O Viso. Ao redor das nove da mañá un dos cinco grupos que estaban a traballar nas tarefas de procura atopaban o cadáver nunha pista forestal preto da súa vivenda, nunha ladeira do Monte dos Altares, na zona alta da parroquia. O corpo non presentaba signos visibles de violencia, polo que haberá que esperar a que se lle realice a autopsia para coñecer o motivo do falecemento. Durante toda a mañá efectivos da Policía Científica recolleron datos e pistas no lugar no que se atopou o cadáver para tentar esclarecer o sucedido. Ata o lugar desprazáronse tamén familiares da vítima, tanto a irmán como a nai para identificar o cadáver. A moza desaparecera na tarde noite do pasado martes entre as 19:30 e as 21:00 horas. Familiares, amigos e veciños iniciaran na tarde de onte una pegada de carteis para tentar recompilar calquera tipo de información relacionada coa súa desaparición e na mañá de hoxe iniciouse ás 8:30 horas un dispositivo de busca coordenado pola Policía nacional e no que participaron axentes da policía local, protección civil e veciños. Cinco grupos que se distribuíron pola parroquia un dos cales atopaba pouco despois o cadáver da rapaza.