O goberno municipal lamenta o estado no que se atopan os 18 parques da localidade e anuncian que están a realizar unha auditoría dos mesmos de cara a deseñar un proxecto de rehabilitación e adaptación dos parques á realidade actual, fomentando a inclusividade nestes espazos recreativos adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma deses espazos de ocio.
O concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, quen estes días supervisou a auditoría que se está a levar a cabo, indicou que “o estado no que se atopan a práctica totalidade dos parques municipais é lamentable, tanto na súa conservación como no seu mantemento, o que supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias que veñen ao concello cos seus fillos e fillas”.
A auditoría tamén servirá para poñer en marcha outra das liñas de actuación do goberno municipal: apostar polo fomento da inclusión e a igualdade en todos os ámbitos do concello. Neste sentido, a rehabilitación dos parques levará aparellada consigo a mellora da sinalización nestes, conseguindo adaptala a todas as persoas, sexa cal sexa a súa diversidade funcional. A intención do Concello de Soutomaior é que toda a rapazada poida desfrutar dos parques “de maneira comprensible e autónoma”.
O alcalde Manu Lourenzo, sinalou que “o goberno xa está a estudar as posibilidades de adquirir xogos e equipamentos que favorezan a inclusión”.