Un total de 81 comercios e negocios de todo tipo súmanse a esta cita co Samáin e o Halloween que nos últimos anos está a coller un pulo inusitado en toda a bisbarra. Os rapaces disfrazados poderán así achegarse a eses establecementos onde recibirán caramelos e doces de balde cortesía do Concello que organiza ademais obradoiros terroríficos, actividades de animación, pasarrúas e unha scape room así como un túnel do terror que se traslada ao pavillón da Marisma por mor das previsións de chuvia.
O mal tempo de seguro que non afogará as ganas dos cativos e cativas de saír polas tendas a pedir caramelos. Unha tradición importada pero que dende a súa chegada non para de medrar. Se hai unha década poucos eran os que se atrevían co “truco e trato”, a día de hoxe os disfraces terroríficos xa forman parte dos usos e costumes nesa xornada previa ao Día de Defuntos.
Pantasmas, seres terroríficos e mortos viventes percorrerán os comercios de Redondela que se suman á iniciativa da man da Asociación de Empresarios e o Concello, que se encarga de facilitar eses kilos de caramelos que se repartirán entre a rapazada.
Haberá ademais outro programa de actividades que se desenvolverá nos Multiúsos da Xunqueira e no Multiúsos do Piñeiral en Chapela con obradoiros para a elaboración de cabazas de samaín e talleres de maquillaxe e tatuaxes de terror dende as 17:00 ata as 20:00 horas.
Poderán participar tamén nun tunel do terror instalado no Pavillón da Marisma aberto a nenos e nenas a partir de 12 anos ou menores acompañados e que funcionará dende as 18:30 ata as 21:30.
A animación de rúa correrá a cargo de Troula animación co pasarrúas “Matilda e a araña xigante” que está previsto que saía da praza de Ribadavia ás 19:30 horas.
Hai tamén previsto un scape room onde os participantes para fuxir terán que superar unha serie de probas no Multiúsos da Xunqueira a partir das 19:00 horas.