Os de Arcade non foron quen de superar ao Soutomaior no derbi local deste fin de semana que remataría cun resultado de 2-3.
Rexional Preferente
Pontellas- Choco (1-2).O Choco non defraudou e conseguiu imporse ao seu rival directo, o Pontellas, aínda que con algunha dificultade. Un partido axustado que ata o segundo tempo non inauguraría o marcador. Aitor, a gran protagonista do encontro, sería o encargado de anotar os dous tantos para os locais que lle permitiron situarse na terceira posición. Malia que os choqueiros quedaron cun xogador menos durante os últimos 45 minutos, despois da expulsión do redondelán Manú con vermella directa no minuto 44, non baixaron a garda e Aitor abriría o marcador no minuto 51 e quince minutos despois anotaría o segundo tanto que sentenciaría o partido. Os xogadores do Pontellas non se deron por vencidos e foron varias as oportunidades que tiveron na segunda parte. No minuto 85 o xogador do Pontellas, Fernando acurtaría distancias cun lanzamento que remataría na portería do gardameta redondelán. Unha vitoria que deixa aos choqueiros na terceira posición da táboa con 31 puntos, a tan só un punto do segundo, o Estradense, e a dous do líder de Rexional Preferente, o Porriño Industrial. Os choqueiros poderán situarse entre os dous primeiros xa que xogará co cuarto pola cola, o Tomiño e na casa.
Primeira Autonómica
O Arcade retomará a competición a vindeira semana despois de descansar esta xornada. O seu rival será o Rápido de Bouzas, o décimo terceiro, un dos seus rivais directos, con dous puntos menos que os locais, que continúan afundidos nos últimos postos do grupo, son quintos pola cola con quince puntos.
Segunda Autonómica
Caldelas-Chapelas (1-1) Malia que os de Chapela foron os encargados de anotar o primeiro tanto do partido non serían quen de manter esta vantaxe durante os noventa minutos do encontro. Non conseguiron sumar tres puntos ante un dos grupos máis fortes da Segunda Autonómica malia que o arbitro os deixou cun xogador menos. Pero isto non amedrentou aos de Caldelas que axilizaron o seu xogo e anotaron o tanto do empate. Un punto o que suma o Chapela esta xornada que o deixa na cuarta posición, empatado a 27 puntos co Ribeira. Pero a vindeira semana poderá desfacer ese empate se consegue imporse ao Erizana, situado no oitavo posto con 22 puntos.
Terceira Autonómica
Arcade B- Soutomaior (2-3) O derbi local entre o Arcade e o Soutomaior remata coa vitoria do Soutomaior, por 2-3, aínda que non o tiveron nada sinxelo xa que os de Arcade tiveron varias oportunidades para igualar o marcador. Unha xornada na que os seareiros de ambos partidos gozaron co bo xogo dos dous equipos. Malia que o Soutomaior tiña perdido o partido antes de que finalizara o primeiro tempo o pouco acerto dos de Arcade permitiulles levarse tres puntos despois de que fallaran un penalti canto o marcador rexistraba un empate a dous tantos. Así as cousas o Soutomaior convértese en segundo do grupo dezaoito, a dous puntos de diferenza do líder o Bahía, equipo co que terá que enfrontarse a vindeira semana e que o podería situar como cabeza de grupo. En canto ao Arcade, esta derrota o sitúa como sexto, empatada a 21 puntos co Moaña e o Sampaio. Esta semana terá que preparar un encontro difícil xa que o Bueu será o seu rival a próxima xornada, cuarto do grupo e con catro puntos máis que os locais.
Cesantes-Monteporreiro (1-0) O Cesantes non defraudou aos seareiros esta xornada fronte ao Monteporreiro. Non houbo sorpresas e os locais conseguiron superar aos pontevedreses, aínda que pola mínima. Un resultado que os sitúa na sexta posición, empatado a 26 puntos co sétimo o Portas. A próxima xornada non o terán tan sinxelo, o líder será o seu rival, o Figueirido, que non deixará escapar a oportunidade para consolidarse como cabeza de grupo.
Choco-Alcabre (2-1) O Choco sitúase entre os primeiros postos do grupo despois de gañarlle ao Alcabre na casa. Malia que os choqueiros non as tiveron todas consigo e varios erros da defensa local case lles permite igualar o partido aos xogadores do Alcabre, finalmente o resultado lles sería favorable. Tres puntos, os que suman esta xornada, que lles permiten situarse ao carón do Santa Mariña, o terceiro e o Lavadores, o quinto, cos que está empatado a 25 puntos. No vindeiro encontro, a priori, non debería ter moitas dificultades para continuar gabeando polo táboa, xa que xogará cotra o noveno, o Teis.
Louredo-Nespereira (2-0) Nova derrota para o Nespereira fronte ao Louredo por 2-0. Malia que conseguiron resistir durante toda a primeira parte, o Louredo regresou do descanso con forza e foron poucas as ocasións nas que lle permitiu aos xogadores do Nespereira superar a súa metade do campo. Os goles de Maikel e Eloi daríanlle a vitoria ao Louredo, nun partido onde non tiveron que facer moito esforzo para imporse. Unha nova derrota que deixa ao Nespereira no último posto con tres puntos e a próxima xornada tampouco é moi esperanzadora xa que terán que enfrontarse ao Barciademera, o décimo segundo da grupo vintedous.