Esta mañá presentáronse os calendarios que cada ano elaboran os alumnos dos centros de ensino de Redondela a través dos departamentos de Normalización Lingüística. Unha campaña que se suma ás postais de Nadal e o proxecto de intercambio cultural que van desenvolver os alumnos de secundaria de Redondela e Monçao.
A Concelleira de Normalización Lingüística de Redondela, Mari Ánxeles Babarro pediu ao goberno de Núñez Feijoo que faga efectivas cantos antes as axudas aos colexios e institutos locais deste curso 2009-2010 durante a presentación dos Calendarios que cada ano realizan en colaboración cos centros de primaria e secundaria do Concello. Babarro sinalou que hai dous meses que todas as coordinadoras dos centros educativos do concello asinaron unha carta na que instaban á Administración Autonómica a que faga efectiva as achegas que cada ano realiza a Consellería de Educación, pero polo momento non obtiveron contestación do departamento que dirixe Jesús Vázquez. Unha achega, que segundo a concelleira é fundamental para continuar co labor que desempeña a prol do fomento do galego os departamentos de normalización lingüística do concello, que cos “orzamentos locais vense moi limitados”. Unha reivindicación que a Concelleira facía durante a presentación dos almanaques realizados polos centros educativos de Redondela, que nesta edición presentaron baixo o lema ” A lingua, esa ponte que nos une”. Este ano mudaron o formato, pasando dun A-3 a un A-5 e o sistema de elaboración, de cada un dos centros foi escollido un único debuxo representativo dalgún símbolo da parroquia. Ademais dos calendarios de parede tamén se fixeron de peto para o ensino primario e marcapáxinas para os centros de secundarias. Esta é unha das campañas fixas que desenvolve cada ano os equipos de Normalización en colaboración coa Concellería de Política Lingüística e de Medio Ambiente, xunto as unidades didácticas que elaboran co gallo do Día das Letras Galegas. Arestora a concellería ten en marcha unha campaña de Nadal na que tamén son protagonistas os cativos, que serán os encargados de elaborar as tarxetas de Nadal que cada ano envía o concello. Unha campaña a que temos que sumar un proxecto conxunto entre estudantes de secundaria de Redondela e Monçao, que teñen como punto de unión a Coca. Ademais os colexios están traballando na recuperación dos ditos, adiviñas, tradicionais galegas, nunha recompilación que aínda está na súa primeira fase, na recollida de información por parte dos alumnos, e que se recollerá nun CD ou DVD.