Aseguran que o que fora concelleiro de Medio Ambiente e persoal participou na elaboración das bases do proceso selectivo e entenden que é “inadmisible e intolerable” que o concello permita que participe agora nese proceso para cubrir a praza. Adiantan que vixiarán de preto ao goberno de Digna Rivas no procedemento de adxudicar esta praza.
Os populares explican que o 21 de agosto, o BOP publicaba a lista provisional de persoas admitidas e excluídas nos diferentes procesos selectivos que se convocaron para cubrir as prazas vacantes de persoal e “sorpresivamente, na lista de persoas que optaban á praza de Oficial de Medio ambiente (enterrador), estaba o ex-concelleiro de persoal do goberno de Digna Rivas, o cal era o responsable deste servizo e participara na mesa que aprobou as bases de dito proceso selectivo praza para a vacante”.
Dende o PP local consideran completamente inadmisible e intolerable, ademais dunha auténtica falta de respecto ás demais persoas que loitan por un posto de traballo, que Digna Rivas permita que unha persoa que foi concelleiro e que participou na elaboración e aprobación das bases dun proceso selectivo, participe agora nese proceso como candidato a ocupar o posto.
O Grupo Municipal do Partido Popular declara que este goberno tripartito “chegou vendendo transparencia e nunca houbo tanto escurantismo nos procesos administrativos”. Aseguran que cada vez que teñen acceso a algún expediente do concello “atopamos elementos que nos fan recordar aquelas actitudes caciquís doutros tempos”.