Critica que o goberno queira suprimir as subvencións a colectivos, asociacións e comisións de festas con “escusas” en referencia as declaracións de Luciano otero nas que criticaba nefasta xestión económica do anterior goberno do PP e os acusaba de deixar numerosos provedores sen cobrar e unha débeda acumulada de 320.000 euros desde o ano 2018, débeda que “impide o abono de subvencións nominativas e incluso as axudas escolares deste ano”.
O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén defendeu hoxe, no pleno extraordinario convocado para abordar cuestións económicas, a “boa saúde” da tesourería e das contas municipais e calificou de “varapau” para o goberno local de Luciano Otero a negativa da maioría da corporación para modificar créditos por 577.000 euros para pagar “os seus gastos desmesurados e superfluos”.
A concelleira popular, Eloisa Nogueira lamentou que o alcalde “non diga a verdade a sabendas” sobre o estado económico do Concello, “xa que se estivéramos arruinados sería imposible traer dúas modificacións de crédito por case 600.000 euros, que afortunadamente foron rexeitadas polo pleno e non se van executar, no marco dun orzamento municipal de 1,4 millóns de euros”. Asegura ademais que o PP deixou un remanente de 1.045.000 euros.
“Faltan ao respecto e á verdade e, ademais, pediron unha inasumible carta branca con estas modificacións de crédito para pagar os seus gastos esaxerados e estratosféricos dos que non imos ser partícipes”, manifestou Nogueira para explicar o voto contrario dos populares a estas dúas modificacións de crédito, que tamén foron rexeitadas polo PSOE e o BNG.
Neste senso, revelou que, ademais destes dous cambios, o pleno tamén abordou un recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar 400 facturas, das cales 38 procedían da etapa anterior pero 360 foran formalizadas logo de entrar na alcaldía o novo goberno. Punto que tamén foi rexeitado.
Eloísa Nogueira acusou ao goberno de “montar todo este circo” para suprimir as subvencións a colectivos, asociacións e comisións de festas amparándose en “escusas”, pero ocultando que están investindo case 20.000 euros na remodelación do despacho do propio alcalde.