Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Homenaxe a Dorothé Schubarth, a suíza que retratou Galicia a través da súa música popular

dorothe

Foto: Museo do Pobo Galego

O Concello de Redondela organiza unha homenaxe a músicóloga que percorreu as aldeas galegas a finais dos 70 recompilado a música popular. Co obxecto de difundir a súa figura e a súa obra o sábado celébrase no Multiúsos un concerto orientado a rapazada. O acto central será pola tarde a partir das 19:30 con música de Xabier Díaz e Mercedes Peón quen interpretarán varias pezas de música popular e intervirá o filólogo Antón Santamarina, persoa que traballou man a man con Dorothé.

Dorothé Schubarth, falecida no pasado mes de setembro, chegou a Galicia en 1978 coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía converteuse en anos de pescudas, viaxes e entrevistas. Un material que foi analizado e clasificado xunto co filólogo Antón Santamarina e finalmente publicado como o Cancioneiro popular galego, sete volumes que están considerados como a obra máis ampla da música popular de tradición oral galega.

Co obxecto de “recoñecer a súa valiosa tarefa a prol da nosa memoria popular, sobre todo a memoria de moitas mulleres que sen estudos mantiveron a música e a letra de tantas cantigas”, o Concello de Redondela organiza este sábado a través do Servizo de Normalización Lingüística esta homenaxe a Dorothé Schubarth.

O acto arrancará pola mañá cun concerto infantil de balde baseado no seu traballo arredor do “Cancioneiro popular galego” que leva por título “Café Dorothé”. Esta primeira actividade arrancará ás  12 no Auditorio da Xunqueira.

Pola tarde, ás 19:30 horas chegará o acto central que contará co apoio do Museo do Pobo Galego e do Consello da Cultura Galega. O acto combinará unha parte musical e palabras que representen tanto a música e o baile tradicionais (representado por grupos de folclore local) como varias pezas de base popular interpretadas para voz e piano. Xabier Díaz e Mercedes Peón participarán nesta actividade así como Antón Santamarina, profesor que traballou con Dorothé na recollida da nosa tradición musical contra fins dos anos 70.

O traballo de Dorothé está a disposición do público e de acceso dende a rede, tanto no Arquivo Sonoro de Galicia como no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego. Unha mostra da xenerosidade e do compromiso desta musicóloga coa nosa tradición musical e popular.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará